As normas da Organización Mundial do Comercio (OMC) dificultan a aprobación das medidas para a igualdade de condicións.           

O ministro español de Agricultura, Luis Planas, defendeu que as importacións de productos agrícolas e gandeiros que chegan á Unión Europea (UE) de terceiros países cumpran os mesmos estándares de calidade e seguridade que deben seguir os traballadores do sector primario dos estados membros.

O ministro defendeu que os produtos importados “deben de ter as mesmas condicións que aquilo que lle impuxemos na produción aos nosos agricultores e gandeiros», declarou Planas antes da reunión de ministros de Agricultura celebrada o 17 de xaneiro en Bruxelas.

O ministro de agricultura francés, Julien Denormandie tamén compartía esta postura, declarando que “ningún dos cidadáns europeos poden entender que importemos produtos non feitos coas mesmas regras de produción”. Salientou, tamén, que a reciprocidade nas normas é necesaria para “asegurar a seguridade alimentaria” así como para lograr “a transición ecolóxica”.

Mais a resolución sobre esta proposta non se resolveu, e haberá que agardar ao mes de xuño, data na que se publicará un informe  no que está a traballar a Comisión sobre a viabilidade legal de esixir os estándares sanitarios e medioambientais, incluídos os relativos a benestar animal, así como sobre os procesos e métodos de produción. O obxectivo segundo a Comisión é garantir que se respecten as normas da Organización Mundial do Comercio (OMC).

O comisario europeo de Agricultura, Janusz Wojciechowski, na roda de prensa posterior ao encontro destacou que os estándares comunitarios son unha vantaxe e apeló aos socios comerciais da UE a apostaren “todo pola calidade da comida”.

Artículo seguinteAberto o prazo para solicitar axudas polo sacrificio obrigatorio de gando
Labregando é froito dos valores fundamentais que nos ensina o campo: traballo constante, atención e coidado do entorno, cariño e dedicación ao noso territorio e a os noso animais.