A Comisión Europea, no marco do Pacto Verde Europeo, propón reducir á metade o uso de praguicidas e fertilizantes e a venda de antimicrobianos.
Arredor de 1,27 millóns de persoas morreron en 2019 no mundo por infeccións bacterianas comúns que se converteron en resistentes aos antibióticos, segundo un estudo publicado na revista científica “The Lancet”.
Estes datos poñen en alerta frente o problema que supón o uso de antibióticos, unha situación que xa preocupaba na Unión Europea (UE), que comezou a aplicar unha nova lexislación para combater a resistencia antimicrobiana, mediante a limitación do uso dos antibióticos para animais. O regulamento prevé unha serie de medidas entre as que se recollen a prohibición do uso de antimicrobianos para promover o crecemento e aumentar o rendemento.
“Na estratexia ‘Da granxa para a mesa’, fixámonos un obxectivo ambicioso que é reducir á metade a venta de antibióticos na UE para animais de granxa e acuicultura para o 2030″, sinalou a comisaria europea de Sanidade e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, nun recente comunicado.
O que é a Estratexia «Da Granxa para a Mesa»?
Esta é unha das iniciativas chave no marco do Pacto Verde Europeo para evolucionar do sistema alimentario actual cara un modelo sustentábel. Segundo a Comisión Europea esta transición cara un sistema alimentario máis respectuoso co medio ambiente xerará novas oportunidades de negocio que terán efectos positivos nos ingresos dos operadores do sector agroalimentario. Como? Con propostas lexislativas para favorecer a agricultura ecolóxica, reducir o desperdicio de alimentos e clarificar na etiquetaxe os alimentos sustentábeis, así como as propiedades nutritivas na parte frontal do envase.
A estratexia “Da Granxa para a Mesa” presentouse en maio de 2020 e os seus obxectivos chave son:
- garantir suficientes alimentos, e que sexan asequíbeis e nutritivos, sen superar os límites do planeta;
- reducir á metade o uso de praguicidas e fertilizantes e a venda de antimicrobianos;
- aumentar a cantidade de terra dedicada á agricultura ecolóxica;
- promover un consumo de alimentos e unhas dietas saudábeis máis sustentábeis;
- reducir a perda e o desperdicio de alimentos;
- loitar contra a fraude alimentaria na cadea de suministro;
- mellorar o benestar dos animais.