A solicitude pódese realizar telematicamente aquí e o plazo da convocatoria, aberto o pasado 18 de xaneiro, alargarase até o 30 de novembro deste ano.
Segundo anunciou o Diario Oficial de Galicia, a Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia disponibiliza 400.000 euros para indemnizacións polo sacrificio ou morte de gando así como pola destrución dos seus produtos, en actuacións oficiais de “vixilancia, loita, control e erradicación das súas doenzas”.
Poderán optar ás indemnizacións as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de animais que se sacrifiquen ou morran, así como da destrución dos seus produtos, por sospeita ou confirmación de diversas enfermidades, como encefalopatías esponxiformes transmisíbeis.
Igualmente, haberá cobertura para as perdas a consecuencia de probas diagnósticas, en concreto as probas de brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e caprino, ou ben animais que teñan convivido cos enfermos e sexan considerados sospeitosos polos veterinarios.
As aves reprodutoras ou poñedoras (Gallus gallus e Meleagris gallopavo) sacrificadas dentro dos programas de control de salmonela, así como ligadas cun foco de influenza aviar, de enfermidade de Newcastle ou de outra doenza das aves declarada oficialmente, tamén poderán solicitar indemnización.
En porcino, cubriranse as perdas polos porcos sacrificados ou mortos con motivo da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou de outras doenzas porcinas.
Tamén os visóns americanos sacrificados por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal terán aceso a estas axudas públicas.
Todos os supostos están recollidos na Lei 8/2003 de sanidade animal.